Hoxe lembreime de dúas imaxes. Busqueinas polo computador e alí estaban. As dúas están tiradas de manuais de comportamentos de dúas empresas diferentes. Algo así como a nova educación cívica mais interpretada para o ámbito empresarial. Iso que nalgúns sitios lle «recomendan» ao seu persoal sobre o que debe facer para ser un bo traballador, para manter, en definitiva, o posto de traballo.
Mais neste caso, o que en moitos lugares son conversas persoais e cuxas palabras leva o vento, a constancia fica por escrito. Dúas empresas diferentes, o Pazo de Vilaboa e o Hotel Louxo da illa da Toxa, mais a mesma orde de obrigado cumprimento: non fale en galego, que cómpre aparentar finura engado eu.
As imaxes son vellas. Con todo, son descoñecidas fóra do ámbito prolingueiro ou filogalego. Non abriron portadas de xornais; os opinadores máis aguzados, eses palafreneiros e mesmo cabaleiros andantes a loitaren, sempre que for preciso, contra as inxustizas e a prol da liberdade, non lles dedicaron un dos seus artigos de opinión; non apareceron nos telexornais nin en ningún boletín informativo das radios. É como se non existisen.
Mentres, en Galiza vivíase en liberdade, en bilingüismo harmónico, na época Fraga, a que Feijóo volveu co novo bilingüismo cordial. Repetido, unha e outra vez, non deixa de ser mentira, mais crea unha nova realidade: en Galiza non había conflito lingüístico até hai catro anos. Tal é así que o propio secretario xeral, técnico de normalización de profesión, volveu repetir a máxima:
«Un conflito había, porque a ruptura do consenso prodúcese co decreto do bipartito».
Como antes fixera o seu antecesor:
«cómpre cerrar canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate».
Algúns dirán que o ámbito empresarial é ben libre para facer e desfacer ao seu antollo. Ben o sabemos. Mais non poden despedir unha persoa por ser negra: iso sería racismo. Non poden despedir unha muller por ser muller: iso sería machismo. Non poden obrigar a un negro ser branco, nin a unha muller ser home. Para evitaren o problema, non os contratan. Mais poden obrigar a un galegofalante a falar en castelán e mesmo, para evitar o problema, non o contratan.


Pingback: Aquí non pasa nada