Imposición

Ni comprendo que Anxo Lorenzo continúe perseguido por el dogma nacionalista. Devolvió la concordia, la no imposición, al idioma: un racional decreto lingüístico que, pasado el tiempo, ha ganado la estima de la mayoría social

Xosé Carlos Caneiro. 08/01/2012

Esquezamos os Reis Católicos, a doma e a castración do Reino de Galicia. Nebrija nunca escribiu aquilo de “a lingua sempre foi compañeira do Imperio” Tampouco se prohibiu ningún libro nin ensinar noutra lingua que non fose o español. Todo iso non pasou, fica moi lonxe.

O alzamento só foi unha manifestación de catro militares e Franco, unicamente un monórquido. Nunca se repartiron follas voandeiras sobre patriotas e bárbaros, nin ningún neno recibiu risos, nin burlas nin azoutes nunha aula.

O pasado, unha bruma mesta. Nada. Esquezámolo. Fagamos o exerxicio: non houbo nada antes de 2009. 2009 foi o ano 0 da nosa era. Ou o ano 0 despois de Feijoo e Anxo Lorenzo (d. F. e A. L.). Aínda así, partíndomos da nada, por moito que borremos cada liña, cada parágrafo, cada páxiña da historia recente e da historia afastada, Xosé Carlos Caneiro mente.

O axioma de que parte o escritor é o seguinte: o galego estaba imposto polo bipartito e agora, grazas a Anxo Lorenzo e Núñez Feijoo, non. Aceptemos a mentira mais vaiamos ao dicionario, ao de castelán, por suposto, que é o que emprega o escritor Caneiro:

Imposición

1. f. Acción y efecto de imponer o imponerse.

2. f. Exigencia desmedida con que se trata de obligar a alguien.

3. f. Carga, tributo u obligación que se impone.

E agora, mencionemos algunha das actividades de Anxo Lorenzo, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Xunta de Galicia nestes case tres anos:

  • Aprobación unilateralmente dun decreto de plurilingüismo
  • Modificación unilateralmente da Lei da función pública
  • Eliminación de subvencións a entidades para a normalización lingüística
  • Creación unilateralmente dunha rede sen orzamentos, sen contidos e sen o asesoramento das partes implicadas
  • Suspensión en 2011 das axudas ás entidades locais para a normalización
  • Suspensión en 2011 das axudas para a elaboración de materiais curriculares en galego

Imposición é unha palabra totalmente pervertida no seu significado. Xosé Carlos Caneiro sábeo. Por algo gaña a vida xuntando letras.

Terminoloxía

A terminoloxía é o menos importante
Ana Mato. Ministra de Sanidade e Igualdade

 

Mi discrepancia con la ley de matrimonio homosexual está solo en el nombre

Mariano Rajoy, presidente do Goberno

O 2012 estreouse con outro asasinato. No 2011 foron 65 as mulleres asasinadas en España. Tanto ten se foi o marido, o noivo ou a exparella. Todas morreron polo feito de seren mulleres, por tentaren ser libres ou por daren no momento un golpe na porta, por ergueren a voz ou simplemente por dicir un non.

Zapatero creou un necesario Ministerio da Igualdade e Zapatero borrouno por presións da ultradereita mediática e non mediática. Rajoy presentou o seu gabinete hai unhas semanas e avanzou máis un paso: borrou até a Secretaría Xeral de Igualdade a que fora rebaixado o ministerio. Ana Mato será a encargada, como ministra de Sanidade, desta área.

O pasado 26 de decembro compareceu en rolda de prensa para comunicar un novo asasinato e falou de “violencia no contorno familiar”. Nada de violencia de xénero nin de violencia machista. Ao día, cando se reproducían as súas declaracións e aparecían as primeiras críticas, sentenciou coa cita que comezo este artigo: “a terminoloxía é o menos importante“. Falou, si, de violencia de xénero, mais tamén de “violencia doméstica” e tamén do “contorno”.

A terminoloxía é importante, abofé. Alguén se lembra do emprego que fixo Bibiana Aído da palabra “membra” e o que se dixo por entón? A que vén a teima contra a ampliación do matrimonio, denuncia incluída?

Se a terminoloxía non fose tan importante, Ana Mato non se vería na obrigada a rectificar. 

Situación excepcional

Pasaremos a ter oito consellerías e pasaremos a ser a comunidade autónoma histórica con menos consellerías

Alberto Núñez Feijoo. 03/01/2012

A rede galaica ferve: Alberto I o Austero presenta o novo goberno da Xunta. Reduce a Xunta a oito consellarías, fusiona Cultura e Educación e déixaas nas mans de Jesús Vázquez, o plurilingüe, e tamén une Mar e Medio Rural. Nos tempos da austeridade, cómpre presumirmos de que somos o que menos temos. Así o subliñan, cos correspondentes cabezallos ou entradiñas, medios como La Voz de Galicia, El Correo Gallego ou Faro de Vigo. En cuestión de consellarías, tamén viviamos por enriba das nosas posibilidades.

Os cambios son “obrigados por unha situación excepcional”: os e as conselleiras marchan a triunfar en Madrid. Deixan a periferia para seren o centro. “A cultura galega está ben pero limita“, e traballar para o goberno periférico aínda máis. Nada comparado cunha secretaría ou dirección xeral con vistas ao Paseo da Castellana. Onde vai parar!

Mais a situación excepcional é outra: hoxe coñecemos as persoas que se viron obrigadas ao desemprego no mes de decembro: 4818 máis, 4818 persoas coa súa historia, coas súas inseguranzas e incertezas neste 2012 que comeza. 4818 persoas que son “o mellor dato dun mes de decembro desta lexislatura”.

Lembren esa frase: o mellor dato dun mes de decembro. Dá igual que en Galiza suba case o triplo do total de España. Dá igual que sexamos a número 16 de 17 comunidades. É o mellor dato dun mes de decembro. “Mantense a contención do paro”.

E lembren tamén a terminoloxía asociada a estes datos: “o número”, “a taxa”, “a porcentaxe”, “a contención do número”, “os sectores”, “termos relativos”, “termos absolutos”. As persoas non contan, só os números. O drama é estatístico, nunca social.

A nova abría es edicións dixitais dos xornais e das radios do país. Agora ficou relegada por esa “situación excepcional” que mencionaba Feijóo. A propia rede tamén caeu na trampa. Elixiría Feijóo a hora e o día para anunciar o seu novo goberno ou cadrou así?

Digamos o que queiramos mais hai unha cousa ben certa: Feijoo domina os tempos e a comunicación como ninguén.

Proximamente

Quero anunciarlle que estamos elaborando unha nova convocatoria que se publicará ao longo das próximas semanas e que manterá as mesmas bases (…).
A gardo a súa comprensión con esta medida excepcional, e non desexada por este departamento, e espero a súa participación na nova convocatoria que proximamente publicaremos no DOG.
Anxo M. Lorenzo Suárez. 09/09/2011

Hoxe non foi. Tal vez apareza mañá. Quen sabe se para o venres ou se para a semana que vén ou a seguinte. Pode ser que se publique en febreiro; como máis tardar, ficará para marzo. Saír sairá e agardamos que axiña. Trátase da convocatoria de concesión de subvencións ás entidades locais de Galiza para a (normalización) promoción do uso do galego nos anos 2011 e 2012.

Segundo as últimas informacións de que dispoñen algúns, a saída será inminente. E nesa “inminencia” inclúense as últimas dúas semanas de 2011 e esta primeira de 2012. No camiño, pecharon 15 servizos (de normalización) lingüísticos segundo datos do Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. Algún máis estaba a agardar pola convocatoria e posibelmente tamén pechase as súas portas. 15 servizos, moitos deles con máis de 3 anos de duración.

A convocatoria no Diario Oficial de Galicia virá acompañada da correspondente nota de prensa da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O contido dela é predicíbel: loaranse as tarefas destes servizos (de normalización) lingüísticos, cualificaranse como “esenciais” no “proceso de (normalización) de promoción social da lingua” e citarase a medida non sei cantos do Plan xeral de normalización da lingua galega. E mentres, 15 servizos seguirán pechados.

E canto a isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comentará, indignada, que non pecha servizos (de normalización) lingüísticos, senón que reforza a (normalización) a dinamización do galego no ámbito local. Algo que se lle supón. Neve branca, sangue vermello, mar azul, e a SXPL fomenta a (normalización) promoción social. Novo epíteto para incluír nas listaxes de adxectivos que a rapazada estuda nos libros de bacharelato. Con todo, neste 2012 haberá 15 servizos menos no país.

Por agora os concellos non recibiron ningunha carta que os convidaba a pechar este servizo. Si recibiron unha outra da Dirección Xeral de Administración Local para lle lembrar que están aí, atentos, para os denunciar. Norberto Uzal asinou a carta,  exfalanxista (tolemias de xuventude, disque) que hoxe preside a Rede de Dinamización Lingüística.

Tamén recibiron unha outra que cito ao comezo do artigo, esta asinada por Anxo Lorenzo. Vai para catro meses desa carta que anunciaba a convocatoria próxima das subvencións. Catro meses non son nada nunha vida. Con todo, mentres pasaban, 15 servizos de normalización pecharon.

Conxelando a lingua

Conxelación é unha palabra como copagamento, imos erradicala: nin copagamento, nin conxelación: extrema moderación. (…) Estabilizar… gusta vostede da palabra estabilizar? Pois eu dígoa, pois iso di moitas cousas: conxelar é unha palabra fría e estabilizar é unha palabra máis acomodaticia para os salarios para o 2012.
Arturo Fernández. Directivo da CEOE (30/11/2011)

Eis a lingua. Usámola todos e todas. Algúns desprézana. Poucos, os máis listos, tentan reformulala. Quen o conseguir, dominará non só o debate, dominará as nosas ideas e as nosas mentes.

O dominio da lingua é unha guerra que a dereita comezou hai moitos anos. E abofé que a están a gañar. Falamos hoxe de copagamento sen decatármonos que a Sanidade está exclusivamente pagada polos traballadores e polas traballadoras. Falamos de reaxuste das contas públicas cando na realidade é un recorte. Falamos de flexibilidade laboral cando o que se procura é o despido gratuíto. Non diga recesión, empregue taxa negativa de crecemento económico ou desaceleración. E mesmo non fale de divorcio ou separación, tan vulgares eles, fale de cese temporal da convivencia matrimonial.

Arturo Fernández caeu nunha trampa: falar coas cancelas abertas da táctica. E iso é o que procurarei facer neste blog: abrir cancelas. Estades todos e todas convidados.