Plurilingüismo

Un conflito había, porque a ruptura do consenso prodúcese co decreto do bipartito. Non é Feijoo quen o rompeu (…). Ademais introduce unha terceira lingua no ensino no camiño dunha sociedade plurilingüe, que é na que nos imos mover

Valentín García, 4 de febreiro de 2012

No comezo do novo milenio, Galiza estaba on fire. O boom económico-especulativo estaba a mudar a nosa sociedade: a tradicional terra de emigrantes recibía xentes vidas doutras latitudes. O “Este vaise y aquel vaise E todos, todos se van” xa era unha lembranza nos libros do bacharelato pois a realidade semellaba (que non era) outra: recibiamos a chegada de persoas de diferentes partes do mundo que nos enriquecían coas súas culturas e, sobre todo, coas súas linguas.

Ben é verdade que esta nova e rica realidade foi moi diferente e en menor medida que noutras latitudes europeas, mais si comezou a ser evidente. Non era raro acharmos nas cidades e nas vilas persoas a falaren no seu idioma. Había un novo patrimonio, unha grande diversidade que era evidente e que podiamos aproveitar. Tal vez por iso, importamos o discurso do plurilingüismo como máis un argumento para a defensa da lingua, un discurso que se puxo en marcha en Catalunya e que daba os seus resultados.

No país foron moitas as iniciativas que se tentaron levar a cabo neses anos. A Universidade da Coruña desenvolveu unha pequena campaña co estudantado Erasmus alá polo 2006. Diferentes asociacións e organizacións comezaron a desenvolver un plan de voluntariado lingüístico, financiado pola Xunta de Galicia e, a finais de 2008 apareceu a campaña As linguas no sistema educativo. Quen sabe galego sabe máis, unha campaña que tentou levar a cabo o que a Xunta bipartita non se atreveu a facer no momento: defender o decreto que ela aprobou, con base nunha realidade plurilingüe.

Houbo, por tanto, un tempo en que todos andabamos namorados do plurilingüismo. Mais, que che pasou, plurilingüismo? Antes molabas!

E o que pasou é evidente: o significado de plurilingüismo mudou. Hoxe é falarmos del e traermos á cabeza a nova lexislación que a “Pax feijoniana” impuxo a golpe de novo decreto para o ensino. Agora xa non é o respecto á multiculturalidade e ás diferentes linguas: é a equiparación do inglés ao galego no noso sistema educativo, é un retroceso lexislativo nunca visto, é…

A dereita soubo redefinir un concepto e impor o seu significado na sociedade. E non só pasou co plurilingüismo. Hai uns anos describiamos a situación sociolingüística negando un principio: as sociedades e as persoas bilingües non existen, só existen sociedades e persoas diglósicas. Esta aseveración hoxe está pasada de moda. Moitos de nós defendiamos a procura dun monolingüismo social en galego, mentres agora camiñamos cara ao bilingüismo restitutivo cando hai anos negabamos a existencia real dese bilingüismo.

Calquera persoa que hoxe lese un libro do antigo BUP non entendería a que se referían con iso do conflito lingüístico: o conflito comezou na Xunta bipartita, como defende o novo secretario xeral de Política Lingüística. Non é confusión: Valentín leu os mesmos libros ca min cando estudou a carreira e memorizou as mesmas teorías que eu aprendín. Con todo, 500 anos de doma e castración borrados en só uns meses.

Bilingüismo, plurilingüismo, conflito lingüístico. Só tres mostras dun vocabulario que nos roubaron, dun léxico que era noso e que hoxe nos soa estraño.