Terminoloxía

A terminoloxía é o menos importante
Ana Mato. Ministra de Sanidade e Igualdade

 

Mi discrepancia con la ley de matrimonio homosexual está solo en el nombre

Mariano Rajoy, presidente do Goberno

O 2012 estreouse con outro asasinato. No 2011 foron 65 as mulleres asasinadas en España. Tanto ten se foi o marido, o noivo ou a exparella. Todas morreron polo feito de seren mulleres, por tentaren ser libres ou por daren no momento un golpe na porta, por ergueren a voz ou simplemente por dicir un non.

Zapatero creou un necesario Ministerio da Igualdade e Zapatero borrouno por presións da ultradereita mediática e non mediática. Rajoy presentou o seu gabinete hai unhas semanas e avanzou máis un paso: borrou até a Secretaría Xeral de Igualdade a que fora rebaixado o ministerio. Ana Mato será a encargada, como ministra de Sanidade, desta área.

O pasado 26 de decembro compareceu en rolda de prensa para comunicar un novo asasinato e falou de “violencia no contorno familiar”. Nada de violencia de xénero nin de violencia machista. Ao día, cando se reproducían as súas declaracións e aparecían as primeiras críticas, sentenciou coa cita que comezo este artigo: “a terminoloxía é o menos importante“. Falou, si, de violencia de xénero, mais tamén de “violencia doméstica” e tamén do “contorno”.

A terminoloxía é importante, abofé. Alguén se lembra do emprego que fixo Bibiana Aído da palabra “membra” e o que se dixo por entón? A que vén a teima contra a ampliación do matrimonio, denuncia incluída?

Se a terminoloxía non fose tan importante, Ana Mato non se vería na obrigada a rectificar.