O señor Muñíz e as fusións municipais

Fonte: Galicia Dixital

José naceu alá polo 1883 nunha pequena aldea do interior. De neno era rebuldeiro, intelixente, moi bo lector e querido polos seus veciños. Tanto que, cando marchou á emigración, moitos o acharon de menos.

Foi como moitos e regresou, como poucos: con cartos. Talvez trouxo de Cuba un deses traxes feitos a medida e un sombreiro de palla. Un indiano máis, pensarían, co coche novo, casa a toda tralla e acento cubano. Mais viña coa maleta cargada de progreso.

Don José veu coa idea de mellorar a súa aldea, o seu Vilar natal. Foi deses emigrantes con fortuna que fixeron fortuna e que a dedicaron ao progreso dos seus conveciños: para os nenos pagou do seu peto unha serie de colexios gratuítos (arredor de 12) e agrupou os pais en cooperativas agrarias. Daquela non existían as Sicav, nin paraísos fiscais nin Fundacións desas e algúns riachóns gastaban o que tiñan en tolemias como a educación para os pobres. Igualiño que agora.

Mais se Don José pasou á historia foi polo seu apelido, Muñiz, e por un reto: a creación dun concello propio para as seis parroquias que formaban o val de Negueira. Xuntou aos veciños de Ríodeporto, Negueira, Hernes, Ouviaño, Barcela e Marentes nunca causa xusta: acabar co illamento que vivían. O señor Muñíz, como o coñecían os veciños, xa puxera tamén do seu diñeiro boa parte do custo dunha estrada, a primeira, que unía Negueira coa Fonsagrada. As infraestruturas no rural eran por aquela unha quimera.

A Fonsagrada é hoxe o concello máis grande do país. Máis o foi ata o 22 de xullo de 1928, cando nace o Concello Constitucional de Negueira. Desde a capital de ambos os concellos, hai unha distancia de case 30 km, e, desde o punto máis afastado, unha persoa ten que percorrer 65 km e entrar en Asturias para desprazarse. A distancia da Coruña a Compostela.

Un rural avellentado, unhas infraestrutras inexistentes, uns servizos públicos mínimos: esa continúa a ser a realidade do país. Unha realidade que levou ao señor Negueira a pedir algo xusto. Con todo, dubido en que a obra do señor Negueira chegue aos 100 anos. Calquera día imponse a golpe de decreto a anexión de ambos os concellos. Aí está o exemplo da fusión express fantasma de Cesuras-Oza dos Ríos, con que os galegos imos aforrar unha barbaridade. Ou iso é o que nos din.

Hoxe, Don José Antonio Muñíz Álvarez sería considerado un tolo: fundar un concello! secesionarse dun! Hai que ser austeros, home! O progreso está na unión! Pero un habitante de Negueira terá que desprazarse 60 km para amañar un papel ou ver un pleno, ou o persoal da axuda do fogar terá que facer o mesmo traxecto para atender o seu traballo.

Talvez na fusión dos concellos do que se trata é diso: que non vaias ti a amañar o papel e pagues para que alguén o amañe por ti. Ou de que a axuda do fogar se deixe de dar a todo o mundo que o precise por falta de dispoñibilidade. Para que a biblioteca quede onde cristo perdeu as alpargatas ou nin aí.

O tempo dirá, como o tempo esquece. Hoxe ninguén se lembra de José Antonio Muñiz, nin no concello que lle puxo o seu apelido un ano despois de fundarse. Nin placa, nin monolito nin monumento o lembra alí. Cousas do franquismo: confiscados os seus bens e negocios, pasou anos en prisión e unha vez fóra, refixo a súa vida como un cidadán calquera en Lugo. Estívolle ben: a quen se lle ocorre dedicar o a súa fortuna ao progreso?