O deporte non se politiza e outras demagoxias

Fonte: Wikipedia

Para La Voz de Galicia, David Cal conseguiu a súa prata en Londres grazas á “calma institucional (que) facilitou o logro histórico da quinta medalla“. Segundo a nova, asinada baixo o pseudónimo de Redacción, durante a época bipartita o deportista galego tivo que superar “constantes choques” cuxo detonante foi “cando perdeu a condición de deportista de alto nivel”. En cambio, nos últimos anos, a “calma institucional” permitiulle “adestrarse nas mellores condicións posibles”. Grazas a iso, hai quinta medalla.

Postos a facermos demagoxia, que disto todos sabemos, podemos facer a relación dos logros conseguidos do mellor deportista galego por etapas. Segundo a Wikipedia, no período 2005-2009, David Cal gañou 1 mundial, dous subcampionatos mundiais, dous bronces en europeos, un bronce mundial e dúas medallas olímpicas. Na época Feijóo, o palista cangués sumou escasamente un subcampionato mundial, un bronce europeo e unha medalla olímpica. Vese que a Pax Feijoniana non lle senta nada ben a David Cal.

Mais seguíndomos coa demagoxia e axudándonos nunha simple busca no propio xornal cos termos “David Cal subvención Xunta” atopamos cales foron eses múltiplos choques. David Cal ficou fóra dos depostistas de élite porque, como afirmou o propio adestrador, ninguén o solicitou. Non o sabían. Non presentaron a solicitude porque “descoñecían que había que solicitalas”. Como fixeron o resto. Pero ollo, o adestrador declara: “Desconozco por qué existe este desprecio hacia David”. Iso non é demagoxia, claro.

Continuándomos coa demagóxicos (?), non houbo ningunha outra protesta ademais da de Cal. O resto de deportistas de élite presentaron en tempo e forma a súa solicitude e tivérona. Como todo fillo de veciño, claro, agás David Cal.

E, para rematarmos coa nosa demagoxia, Cal foi o deportista máis subvencionado entre 2005 e 2008, ao recibir 106.000 euros do total de 700.000 destinados aos deportistas de élite. Ademais, a Deputación de Pontevedra patrocinouno, a través do Padroado de Turismo das Rías Baixas con 360.000 euros durante esa etapa. Se facemos demagoxia pura e acreditamos na caza de bruxas ao palista cangues pola súa ideoloxía, podemos engadir que esa xugosa subvención da Deputación pode ter relación coa súa afiliación política.

Con todo, nós non somos xornalistas. Simplemente espectadores demagóxicos deses que dicimos que o deporte é tamén política.

Unha reflexión sobre “O deporte non se politiza e outras demagoxias

  1. Pingback: O deporte non se politiza e outras demagoxias. Eche o que hai [opi]

Os comentarios están pechados.