Perversión de palabras

Estase a difundir a idea de que o modelo lingüístico de coexistencia entre galego e castelán está sendo substituído por un de imposición do galego, sendo o goberno da Xunta de Galicia o responsable dese cambio.

Anxo Lorenzo Suárez. 15/08/2008

Onte comentabamos a teoría da imposición do galego en Galiza por un escritor en lingua galega. Anxo Lorenzo Suárez, na súa etapa de profesor e investigador universitario, alertaba sobre a perigosidade da extensión da idea no país. Porén, xa polo ano 2000 circulaba a idea nos grandes representantes galegos da liberdade.

Calquera persoa cuns mínimos coñecementos de sociolingüística ou de filoloxía sabe cal é a verdadeira realidade. Mais un tendeiro, unha doutora, un escolante, unha condutora de autobuses ou a súa veciña do quinto teñen eses mínimos coñecementos de sociolingüística? E de historia da lingua?

Nada é casual: cambiar o verdadeiro significado das palabras configura novas realidades. Unha mentira repetida mil veces non deixa de ser unha mentira, non se converte en verdade, como defendía aquel simpático personaxe, mais si configura unha nova realidade. É o que algúns chaman perversión de palabras.

Palabras pervertidas, palabras violentadas, palabras forzadas ou palabras prostituídas. En definitiva, palabras forzadas a cumprir un novo papel, un novo rol: crear un novo mundo. Todos temos unha boa relación delas: os demócratas eran outros no franquismo e non só os que se opuñan ao terrorismo, a liberdade non era só a vontade de conducir bébedo e os dereitos ían alén de fumar nos bares.

Na lingua, no país, temos boa mostra: o bilingüismo, o plurilingüismo, a imposición, a liberdade de elección, o dereito a falar unha lingua e a discriminación lingüística. Todas elas son expresións que agora están do outro bando, téñenas no seu poder, cumprindo a súa función: criar a súa realidade.

Porque neste país hai pouca xente que sabe o das follas voandeiras mais moitas afirman ter na súa posesión libros con tres ao caldeiro. Porque pouca xente sabe que é bilingüismo, que é a substitución, que é imposición mais todas saberían manter unha conversa sociolingüística, sexa nunha tenda exclusiva na rúa Príncipe ou en Juán Florez, sexa na Gandarouta, en San Clodio ou no Vilar de Abaixo.

E nesas conversas, queirámolo ou non, empréganse as palabras co seu significado deformado, coa nova realidade.

2 reflexións sobre “Perversión de palabras

Os comentarios están pechados.