O bipartito é sinónimo de malgasto e outras demagoxias ao estilo José Manuel Balseiro

José Manuel Balseiro ten un blog. Que quen é José Manuel Balseiro á parte de blogueiro? Colle aire… 1, 2, 3, xa! : deputado autonómico do Partido Popular de Galicia (PPdeG), onde ten a responsabilidade de Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia e portavoz do Mar dentro do Grupo Parlamentario Popular. Desde 1999, é tenente de alcalde do Concello de Cervo e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular na vila mariñá. No partido, é secretario Provincial de Lugo e coordinador na comarca da Mariña occidental desde 2002, forma parte do Comité de Dirección do Partido Popular de Galicia e do Comité Executivo desta formación política na provincia de Lugo.

Curriculazo. Se o día ten 24 horas, abofé que José Manuel Balseiro precisaría máis 24 para estar en todo. Pero está. E ademais, ten un blog, repito. Actualízao con moita frecuencia falando do tema que lle ocupa as 48 24 horas diarias: a política.

Onte actualizouno coa entrada “Bipartito sinónimo de malgasto“, o mantra popular dos pasados, destes e dos futuros comicios autonómicos, locais, estatais e para as comunidades de veciños, de montes e de delegado de aula. Seguro que o escoitaron algunha vez, non?: o bipartito é sinónimo de “malgasto”.

Quen quera ler o artigo, aquí o ten. Quen non, un resumo. O equipo de Goberno da Deputación de Lugo malgasta os cartos dos lucenses en pagarse os seus soldos. Para exemplificación, a Xunta de Feijóo, quen co 98% máis de orzamento dedica só 57.000 euros máis nos seus oito concelleiros 614.612,52 fronte aos 557.366,58 da Deputación. E para mostra, as matemáticas: os “2,7 millóns de galegos teñen que achegar 0,22 euros para sufragar os soldos do seu goberno autonómico” mentres que no caso da Deputación de Lugo as 337.000 persoas destinan 1,65 euros por cabeza.

Os cálculos dánselle ben ao noso multiocupacional-blogueiro Balseiro. Con todo, no seu cálculo omite unha par de cousas sen importancia. A primeira é que hai tres populares que cobran da Deputacióna través doutras tantas dedicacións exclusivas, 151.173,12 euros en total. A dilapidación de cartos públicos no ente provincial é maior: 708.539,12, un 27% máis. E si, non teñen ningún posto, non son nin concelleiros de Deporte, nin de Industria, nin de Cooperación. Non forman parte do equipo de goberno, pero cobran.

A segunda cousa sen importancia que Balseiro omite é que estas retribucións e dedicacións exclusivas foron acordadas por unanimidade no Pleno da Deputación de Lugo. Unanimidade quere dicir que o Partido Popular de Lugo aprobounas e aceptounas. E aínda máis, Xosé Manuel Barreiro, voceiro deste grupo, recoñeceu o “esforzo” que se fixo para aforrar na organización provincial.

Disto hai só un ano, e o José Manuel Balseiro ocupaba xa o seu cargo. Daquela, temos dúas opcións: ou gustou do conto daquela ou non se enteirou. Se for a segunda, é comprensíbel que non se decate de todo canto acontece nos seus dominios dada a amplitude deles. Se for a primeira, o blogueiro Balseiro está a facer demagoxia.

Por que? preguntaranse. Porque ese cálculo podémolo facer aló onde nos dea a gana e teremos resultados semellantes. Tomemos por caso o Concello da Moi Nobre e Moi Leal Cidade da Coruña. Alí son 8 tamén os concelleiros que teñen dedicación exclusiva, pero aos coruñeses o choio sáelle máis caro, case como a Xunta, 608.500 euros. Así mentres cada galego achega 0,22 euros por cabeza, cada coruñés paga 2,47 por manter o seu goberno local (246.028 habitantes) fronte os 1,65 en Lugo.

Se nos desprazamos cara a Mariña, onde o señor Balseiro ten o seu posto como voceiro do Concello de Cervo atopamos un gasto modesto en dedicacións, só 69.533,04 euriños nunha exclusiva e varias parciais, acorde cos 4.596 cidadáns deste municipio. Con todo, facendo o cálculo balseiriano, temos que cada cervense paga 15,12 (!) euros.

Supoño que o artigo de hoxe do noso blogueiro será para denunciar esta cantidade abrumadoramente excesiva que os seus veciños pagan por manter o monopartito que ocupa a alcaldía.

PD. Non creo que o señor Balseiro lea este artigo, dada a súa carga de traballo. Con todo, se chegou aquí, un par de recomendacións do seu blog. A primeira, abra os comentarios, que para iso se crea unha páxina dese tipo (escoitar a cidadanía, as súas suxestións, enriquecerse con diferentes puntos de vista etc.). Segundo, se vai usar imaxes, escolla unha que non teña dereitos de autor, que calquera día lle meten unha denuncia. De nada