Como organizar o teu propio “sobrecolledor” para dummies

A ti ninguén che dá sobres con pastizal e sénteste un parviño, un miñaxoia? Estás farto de abrir cartas onde ves que a túa conta bancaria é un chiste? Queres ter o poder de sentirte o rei do mambo? Deveces por ser o seguinte en acollerte a unha amnistía fiscal “porque tu lo vales”? Non o dubides, e faino ti mesmo! Organiza un “sobrecolledor” na túa empresa cos teus compañeiros e sinte o poder de rirte de todo o mundo por un día!

O xogo é ben sinxelo

Necesidades previas:

  • uns cantos compis de traballo. Cantos máis mellor!
  • unha persoa responsábel, que xa se sabe que cos cartos mellor non xogar
  • uns cantos sobres, un por compi
  • diñeiro, a mesma parte proporcional por cada participante
  • un lugar semipúblico, onde poidades estar cómodos pero ao mesmo tempo que sintades que estades a facer algo obsceno, algo porquiño, algo sucio, ummmmm.

Pasos

  1. Combinade un día nese lugar especial da vosa empresa. Recomendamos o luns, para comezardes a semana con folgos!
  2. A persoa responsábel encargarase, previamente, de repartir en varios sobres unha cantidade de diñeiro, que vén a ser a mesma que puxeches na vosa “caixa B” especial da empresa. Non vale facer trampa, pillíns 😉 Tanto ten que non teñades sobres sen usar: collede uns deses en que recibides as facturas que pagades relixiosamente cada mes… Será por sobres con facturas!
  3. Anotade todo, pero todo todo. Até o máis mínimo detalle… Que aquí seremos ladróns, pero detallistas!
  4. Á hora acordada, a persoa responsábel estará agardándovos no lugar cos vosos sobres correspondentes. A máquina de café pode estar ben, un lugar á vista de todos pero pouco sospeitoso. Sempre está concorrida, máis se traballades para a función pública. Ademais dá para comentarios con “chispa”: -“Dáme un sobre de azucre” -“A min, un de sacarina” -“A min, o dos mortadelos”…
  5. Poñede algo de sentimento: mirade para os lados, chiscade os ollos, apuntade coa cabeza pero con naturalidade. Sentide como se acelera o pulso, unhas cóxegas a recorrervos o corpo enteiro… Esa chispa que hai tempo que precisades para evadirse desa realidade que vos ten atrapados!
  6. Moi importante: non esquezades o sobre por ningures, que despois a xente fala e o falar non ten cancelas…

Facede este xogo as veces que faga falta sen que vos atrape a rutina. Recoméndase cambiar de lugar cada certo tempo… Se vedes que xa non vos divirte, tentade facelo en público, nunha cafetaría pode estar ben. Veredes como recibides un chute de adrenalina!

A importancia do xogo non está en facervos ricos. Teredes ao final sempre a mesma cantidade de diñeiro. Algúns, os máis pusilánimes dirán que vos estades enganando a vos mesmos, que nunca teredes 20 millóns nunha conta en Suíza ou un pisiño na zona hortera-pija do Estado. E teñen razón, pero polo menos non son outros os que vos enganan.

Editado ás 15:30 do 31 de xaneiro

Unha outra alternativa é facer o que fan os Rajoy e Montoro. Menos elegante, pero máis divertida, onde vai parar!