Carta aberta ao secretario xeral de Política Lingüística

Fonte: Flickr do Bloque Nacionalista Galego

Caro Valentín:

Permíteme a confianza de tratarte de ti. Acho que o podo facer porque hai ben tempo que teño o pracer de coñecerte persoalmente, polo que decidín escribirche esta carta. Non te apures, non vai en sobre 😉

Non sei se o sabes mais voucho dicir: pertenzo a ese 4% da  cidadanía que fala galego polo ensino. E estou orgulloso, abofé. As aulas foron o primeiro contacto que tiven con el. Meus pais, meus avós, a miña familia, a xente que me rodeaba desde que nacín até ben entrada a adolescencia era castelán falante. E segue a selo.

Non tiña nin referentes nin contexto onde escoitar e falar o galego. Aínda hoxe é ben difícil atopalos onde vivo. Aprendín a lingua nas aulas e comecei falar grazas ao que alí me ensinaron.

Podes chamarme rara avis se queres, que hai confianza. Podes meterme nese ínfimo 4% ao que fas referencia. Mais aí estou, un galegofalante máis grazas á escola. E non sobran. Dis que a normalización non depende unicamente do ensino e aí concordamos. Mais esqueces algo importante: sen ensino, non hai normalización. Ben sabes que sen sementarmos, non podemos recoller froito.

Sei que hai ámbitos importantes. Admite a miña discrepancia, pero a min, as verbenas, non me parecen urxentes, ademais de que é un tema que se leva a tratar con “urxencia” desde hai cinco anos. Si a xustiza, o deporte, a música etc. etc. etc. Mais permíteme pór en cuestión o teu traballo e o que vai desenvolver a Secretaría Xeral que dirixes. Non porque dubide de ti, porque considero que es un bo profesional, senón porque non tes as ferramentas precisas para o levar a cabo e, ademais, moitos -por non dicir todos- dos teus compañeiros con cargo e xefes non están polo labor.

Non tes cash, Valentín. Hai anos xulgabamos -ti tamén, recoñéceo- insuficientes os orzamentos da SXPL para o seu labor. Hoxe dispós de faragullas orzamentarias que sabes perfectamente que non valen para nada.

Teño pola casa un pin de Prolingua que un día me regalaches. O mesmo que, con orgullo, lucías na lapela da camisa que levabas posta. “Temos que cambiar o rumbo, porque a cousa pinta mal”, dixéchesme ao mesmo tempo que mo dabas. Eran outros tempos, cando compartiamos de cando en vez algún lugar detrás da pancarta.

Eu son dos que pensan que todo o mundo ten dereito a evolucionar na vida. Hoxe tócache xogar este papel, mais agardo volver verte detrás dunha pancarta. Serás benvido pola miña parte. Sabes -reitero- perfectamente que a situación o require.

Convídote, cando quixeres, a tomarmos un café. Xa verás como concordas con moitos dos motivos para saír á rúa.

Saúdos

PD: creme cando digo que nunca me preocupou dar “boa imaxe” e que o “parcanteirismo” é máis un dos prexuízos existente que temos que desmontar. O principal actor para desmontar os prexuízos contrarios á lingua tes que ser ti. Non os difundas, Valentín.

2 reflexións sobre “Carta aberta ao secretario xeral de Política Lingüística

  1. Parabéns polo teu blogue, todo un descubrimento.
    Unha preguntiña… levo unha longa tempada en blogaliza e nunca conseguín poñerlle lenda ás miñas imaxes… non sei se é defecto do meu tema, do meu navegador, do meu pc, sistema operativo… nin idea.
    Só sei que eres o primeiro que vexo que consegue facelo, usaches algún truco especial?
    Se me puideses axudar seríame de moita axuda, se non tampouco te preocupes, xa levo bastante tempo así e non é un problema que me quite o sono…
    De agora en diante seguirei atento as túas publicacións. Graciñas pola túa atención e sorte cos teus proxectos.

  2. Boas.
    Graciñas polo comentario e pola sorte! 🙂
    Canto ao das lendas, a min sáenme perfectamente e sen facer nada especial. Simplemente inclúo a lenda á hora de subir a nova imaxe… O único xeito que lle atopo é que o modelo do teu blog non permita lendas (hainos así) ou que empregues o editor visual en canto o editor en HTML (que é o que emprego eu…).
    Se tes curiosidade, cópioche o código da imaxe
    [caption id="attachment_596" align="aligncenter" width="1024" caption="Fonte: Flickr do Bloque Nacionalista Galego"][/caption]
    Saúdos!

Os comentarios están pechados.