A Real Academia da Política

A Real Academia Española acaba de facer público o seu malestar por que Bizcaia se chame Bizcaia, Guipuzkoa pase a ser Guipuzkoa e Araba, non o podo crer, Araba. Manda truco. No comunicado non escatimaron en argumentos incontestábeis: “absurdo”, “estupidez”, “lamentábel”, “vergoña”, “vapuleado da lingua común”, argumentos todos eles máis científicos e irrefutábeis que a lei gravitacional.

A lingua non é cuestión de asuntos políticos, afirman os gardiáns académicos patrios. De acordo, mais é a política cuestión de lingüistas e académicos? “Dende a transición o único que se ten feito é ceder ás imposicións dos nacionalistas e dos seus soños secesionistas”. García de Cortázar abriu a boca para non deixar dúbidas de que o conto non vai con eles. Botou a lingua, non a súa senón a común, a pacer e gustoso quedaría.

A toponimia orixinal é cuestión de secesionistas e de nacionalistas. Que nalgures houbese unha ponte vella, posibelmente romana, e que alguén tivese a idea de lle chamar á vila fundada arredor Pontus Veteris, da que saíu a actual Pontevedra, resulta que ese alguén foi un secesionista ou, o que é peor, un nacionalista por non empregar a lingua común. Chamala polo seu nome, Pontevedra, resulta que é un agravio á lingua común, esa pobre lingua vilipendiada constantemente polas linguas “rexionais”.

A perspectiva da RAE é ben xeitosa: os que fan política son os máis. Eles, en cambio, son neutros, como o ph de algúns lavalouzas; por iso o de limpa, brilla e dá esplendor. O argumento é ben sabido: nós estamos co sentido común, como se o sentido común fose palpábel. E recollen un argumento que choca coa propia academia: a xente seguirá empregando as formas en castelán. Do mesmo xeito que a xente di cansao, crocretas, moretones, altopistas e non por iso a RAE as sanciona como correctas, válidas e ponderábeis.

Disque a lingua non é cousa de política. Os topónimos son nosos, por certo, e de Catalunya e de Euskadi. Cómpre lembrarmos isto, e cómpre lembrarmos que a forma española dos topónimos non pode ser oficial por unha única cousa: non é o nome orixinal, só unha simple tradución, como Londres, como Xenebra, como Castela. Sería un delirio propio dun país esquizofrénico que o nome dun lugar non tivese como oficial o seu nome orixinal. Ou Galiza, Euskadi e Catalunya non forman parte de España?