Contra os manifestos de abaixoasinantes

A miña sinatura para o manifesto

Sae ao prelo (cibernético) un novo manifesto, un “Chamamento polo galego” co que non podo máis que concordar e que subscribo todos os seus puntos. Con total seguranza, asinareino (ciberneticamente) achegando os meus datos e dándolle a “enviar” no canto de rubricalo. Non será o primeiro nin tampouco será o último. E a outra cousa.

Si: a outra cousa. Porque hai tempo que estou contra os manifestos de abaixoasinantes e por unha razón, tal vez errada: remíteme a outro tempo, a un modelo de participación antigo, que ten pouco que ver con este século XXI en que estamos.

Verticalidade, eis a palabra. Eu / nós temos algo que dicir e queremos que ti / vós o subscribades. Nada máis. Non permito que participedes na súa elaboración, tampouco recollemos a vosa opinión, nin nos achegamos a ti para escoitarche o que tes que dicirnos.

Alguén ten a idea de que cómpre un manifesto. E que ese manifesto ten que ter máis ou menos estes puntos e expresar máis ou menos isto. Ese suxeito pode ser unha persoa ou poden ser dez mil agrupadas baixo un partido político, unha asociación, outro colectivo… Pode elaborarse mediante unha comisión e poden ata participar as dez mil persoas, pero seguirá sendo, para min, vertical. Porque esquece algo: a quen vai dirixido, os que están fóra e que son tratados como obxectos, nunca como suxeitos.

Verticalidade tamén nas sinaturas que a acompañan. Chamádeme demagogo, que podo selo, mais xulgo que os manifestos gañarían máis con “ninguéns” cando se “presentan” en sociedade. Un tal Xoán, desempregado; unha tal María, autónoma; unha tal Rosa, tendeira; un Paco, transportista; outra María, condutora de autobuses urbanos. Cidadáns a que van dirixidos, cidadáns que se implican, que se senten parte de algo feito por eles e dirixido a eles.

Porque ese é ten de ser o obxectivo: implicar. Saber que é o que pensa a xente, recollermos a súa opinión, achegalos, que nos axuden a construír coa súa voz o noso futuro. Eis, para min, o importante, implicar, non conseguir un bo número sinaturas.

Unha reflexión sobre “Contra os manifestos de abaixoasinantes

Os comentarios están pechados.