Porcentaxes

Na escola aprendes que a lingua é un sistema de signos lingüísticos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade. Signos como sons, acenos ou símbolos escritos. En ningures se fala de porcentaxes. Mais o galego, de porcentaxes, ten millenta.
As mais significativas apareceron nos 90. O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presentou por entregas o Mapa Sociolingüístico de Galicia. Porcentaxes para todos os gustos: lingua inicial, competencia lecto-escritora, lingua coa familia, coas amizades, cos e coas colegas da aula, lingua no traballo e lingua de copas. Porcentaxes rigorosas: éche o que hai e é así.

As porcentaxes non mentían (ou iso dicían) e renováronse co tempo, moitas á baixa. A lingua viviu o seu propio crash bolsista: derrubamento para uns, decrecemento para outros, desaceleración para os que tiñan que intervir. Solución: inxectemos cartos. Mais, como na actualidade, había un problema de fondo: non había nada planificado e os cartos ían tarde ou non ían onde tiñan que ir. Falouse de baixa intensidade. Hoxe, cun 20% menos do orzamento para o “responsábel da lingua”, en plena crise, e baixando chanzos cualitativos, intensidade baixo mínimos.

Con todo, nun par de anos a esta parte, a porcentaxe no centro de todas as miradas é unha outra: o 50%, como mínimo. Unha porcentaxe que sae do 100% do Parlamento galego en 2004, o Plan Xeral de Normalización. Mais desta última non se fala, só do 50%. Fifty-fifty. A lei da botella, segundo se mire.

Por unha banda, os pesimistas, os que pensaban que si, que estaba ben, que era un avance, mais xa veríamos cal era a súa aplicación. E non lles faltou razón. Para outros, o 50% era abondo, mesmo de máis, de sobra. Tanto, que con menos chega. Disque un 33% e con iso até segue estando a botella non só medio chea, senón chea a rebordar. Con iso, o 100% da rapazada falará polos cóbados, como loros, bilingüe e trilingüe se fai falta.

Feijóo non será estadista, mais domina as porcentaxes máis que o propio Fisher. Gábase de que a máis importante, a porcentaxe suma, está ao seu favor: a do 51% , a que ten no Parlamento. A botella, máis unha vez, a rebordar. A porcentaxe que lle dá as chaves para facer o que lle veña en gana e consensuar consigo mesmo, iso si, para o beneficio do 100%, de todos e todas, segundo di.

Porén, nunca terá da súa man unha outra porcentaxe, esta en crecemento sustentábel: a de galegos e de galegas que, cada vez con máis forza, e con máis presenza, manifestamos que a lingua non só é unha cifra, senón o cerne da nosa identidade.