Galiza non é España; é Gansu

Un copia e pega inoportuno podería servir de resumo dunha traxedia que nos sacudiu onte a todos por esta banda do mundo. Non estamos, non existimos, non nos teñen en conta, e molestamos.

Non estamos porque, mentres se consuma a traxedia e pasan horas e horas do suceso, na televisión pública que os galegos tamén pagamos, ilustran a nova cunha imaxe de vai ti saber onde. A súa canle 24 h informativa, non conecta até ben pasadas as horas. En Telecinco, anda un tal Jorge Javier. En Antena 3, un partido do Madrid.

Non existimos porque na Moncloa nin se forma un gabinete de crise nin se declara situación de emerxencia. Mariano Rajoy vén de visita e declara: “Me contaban esta mañana que ayer había colas de 500 personas para donar”. Ese onte eran as 12 da noite. Que facías, Mariano? Onde estabas? Non te preocupaba o que estaba a pasar? Non falabas con ninguén do teu gabinete para que cho dixesen?

Non nos teñen en conta porque no lugar do accidente non existía un mecanismo que obriga a reducir a velocidade dos trens e que posibelmente tería evitado a catástrofe.

Molestamos porque na maior desgraza ferroviaria desde que lembramos, un presidente fala ao seu pobo na súa lingua e iso é inaceptábel.

Galiza teima en ser España. Alá nós. España considera Galiza Gansu.

Bandeira de Gansu

Bandeira de Gansu