O bipartito é sinónimo de malgasto e outras demagoxias ao estilo José Manuel Balseiro

José Manuel Balseiro ten un blog. Que quen é José Manuel Balseiro á parte de blogueiro? Colle aire… 1, 2, 3, xa! : deputado autonómico do Partido Popular de Galicia (PPdeG), onde ten a responsabilidade de Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia e portavoz do Mar dentro do Grupo Parlamentario Popular. Desde 1999, é tenente de alcalde do Concello de Cervo e portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular na vila mariñá. No partido, é secretario Provincial de Lugo e coordinador na comarca da Mariña occidental desde 2002, forma parte do Comité de Dirección do Partido Popular de Galicia e do Comité Executivo desta formación política na provincia de Lugo.

Curriculazo. Se o día ten 24 horas, abofé que José Manuel Balseiro precisaría máis 24 para estar en todo. Pero está. E ademais, ten un blog, repito. Actualízao con moita frecuencia falando do tema que lle ocupa as 48 24 horas diarias: a política.

Onte actualizouno coa entrada “Bipartito sinónimo de malgasto“, o mantra popular dos pasados, destes e dos futuros comicios autonómicos, locais, estatais e para as comunidades de veciños, de montes e de delegado de aula. Seguro que o escoitaron algunha vez, non?: o bipartito é sinónimo de “malgasto”.

Quen quera ler o artigo, aquí o ten. Quen non, un resumo. O equipo de Goberno da Deputación de Lugo malgasta os cartos dos lucenses en pagarse os seus soldos. Para exemplificación, a Xunta de Feijóo, quen co 98% máis de orzamento dedica só 57.000 euros máis nos seus oito concelleiros 614.612,52 fronte aos 557.366,58 da Deputación. E para mostra, as matemáticas: os “2,7 millóns de galegos teñen que achegar 0,22 euros para sufragar os soldos do seu goberno autonómico” mentres que no caso da Deputación de Lugo as 337.000 persoas destinan 1,65 euros por cabeza.

Os cálculos dánselle ben ao noso multiocupacional-blogueiro Balseiro. Con todo, no seu cálculo omite unha par de cousas sen importancia. A primeira é que hai tres populares que cobran da Deputacióna través doutras tantas dedicacións exclusivas, 151.173,12 euros en total. A dilapidación de cartos públicos no ente provincial é maior: 708.539,12, un 27% máis. E si, non teñen ningún posto, non son nin concelleiros de Deporte, nin de Industria, nin de Cooperación. Non forman parte do equipo de goberno, pero cobran.

A segunda cousa sen importancia que Balseiro omite é que estas retribucións e dedicacións exclusivas foron acordadas por unanimidade no Pleno da Deputación de Lugo. Unanimidade quere dicir que o Partido Popular de Lugo aprobounas e aceptounas. E aínda máis, Xosé Manuel Barreiro, voceiro deste grupo, recoñeceu o “esforzo” que se fixo para aforrar na organización provincial.

Disto hai só un ano, e o José Manuel Balseiro ocupaba xa o seu cargo. Daquela, temos dúas opcións: ou gustou do conto daquela ou non se enteirou. Se for a segunda, é comprensíbel que non se decate de todo canto acontece nos seus dominios dada a amplitude deles. Se for a primeira, o blogueiro Balseiro está a facer demagoxia.

Por que? preguntaranse. Porque ese cálculo podémolo facer aló onde nos dea a gana e teremos resultados semellantes. Tomemos por caso o Concello da Moi Nobre e Moi Leal Cidade da Coruña. Alí son 8 tamén os concelleiros que teñen dedicación exclusiva, pero aos coruñeses o choio sáelle máis caro, case como a Xunta, 608.500 euros. Así mentres cada galego achega 0,22 euros por cabeza, cada coruñés paga 2,47 por manter o seu goberno local (246.028 habitantes) fronte os 1,65 en Lugo.

Se nos desprazamos cara a Mariña, onde o señor Balseiro ten o seu posto como voceiro do Concello de Cervo atopamos un gasto modesto en dedicacións, só 69.533,04 euriños nunha exclusiva e varias parciais, acorde cos 4.596 cidadáns deste municipio. Con todo, facendo o cálculo balseiriano, temos que cada cervense paga 15,12 (!) euros.

Supoño que o artigo de hoxe do noso blogueiro será para denunciar esta cantidade abrumadoramente excesiva que os seus veciños pagan por manter o monopartito que ocupa a alcaldía.

PD. Non creo que o señor Balseiro lea este artigo, dada a súa carga de traballo. Con todo, se chegou aquí, un par de recomendacións do seu blog. A primeira, abra os comentarios, que para iso se crea unha páxina dese tipo (escoitar a cidadanía, as súas suxestións, enriquecerse con diferentes puntos de vista etc.). Segundo, se vai usar imaxes, escolla unha que non teña dereitos de autor, que calquera día lle meten unha denuncia. De nada

Bilingüismo de guiños e linguas spamers: sociolingüística 2.0

É ben sabido que todas as persoas levamos dentro unha filóloga: un día dános por inventar orixes fantasiosas aos nomes de lugares; outro, lembramos todas e cada unha das normas ortográficas do noso idioma para concluír que tal ou tal outra palabra antes non se esribía así e que se cambia cada catro semanas; e ás veces, moitas, creamos unha nova corrente sociolingüística válida para explicar o estado das cousas por este recuncho que é Galiza e mesmo no mundo mundial.

Nos últimos anos existe unha abondosa produción científico-tabernaria que, que se non se publica no Journal of Sociolingüistic é porque xa existe no país prensa diaria especializada na materia.

O precursor, non por idade aínda que podería, desta grande corrente de pensamento foi Don Manuel e o seu bilingüismo harmónico, filosofeado por Antonio Regueiro Tenreiro.

Feijóo I O Austero quebrou a imposición coa súa digievolución en bilingüismo cordial que vén a ser iso de recuperar os graciñas e porfavores en cada conversa. Como moitas das grandes ideas dese home renacentista que é o neniño dos Peares, a súa denominación tivo amplo suceso e continuadores polos monolingües da meseta: bilingüismo integrador ou blilingüismo equilibrado e mesmo bilingüismo integraequilibrado, como se por aquí estivesemos mal da chola.

Pero este verán está a depararnos moitas sorpresas e abondosa produción a modo de cosmovisión que daría para varios volumes monográficos, a pesar de estaren condensados a modo de chío tuiteiro. Eis os novos teoremas que van revolucionar a sociolingüística moderna.

1. Bilingüismo de guiños ou bilingüismo juguetón

Teoría 1: Bilingüismo de guiños ou bilingüismo juguetón

O bilingüismo de guiños ou juguetón consiste, grosso modo, en “troulear” co galego, que vén a ser o lema que o Concello da Coruña emprega para as Festas de María Pita. Consiste en empregar o castelán para as cousas serias, para o programa, e de cando en vez chiscarlle un ollo ao galego para mantelo contento. Como fan os gentelman coas rapazas belidas.

A máxima expresión desta teoría está no programa: publícase en castelán e inglés que son “os que máis demandan os visitantes“. Quen vive na Coruña ben o sabe: ao día centos de avións que proveñen de London aterran en Alvedro para gozar dos concertos de Radio Futura e o Festival de Habaneras. En cambio, quen vive na Coruña e quere o programa de festas en galego, nasti.

Cómpre salientar que, logo das queixas, o programa tivo versión en galego en PDF, dispoñíbel nalgún punto da rede sen determinar pois na páxina web da Concellaría de Cultura o único dispoñíbel para descarga é o castelán mesmo na versión en galego do web.

2. Linguas spamer

Teoría 2: Bilingüismo de SPAM

A segunda proposta supón a superación da denominación tradicional de linguas minorizadas ou minoritarias nun novo modelo máis 2.0: linguas spamers. Xa que nesta terra teimamos en falar unha lingua minoritaria, e somos cortos de miras, hai que usar o castelán para promocionarnos, porque senón a xente, o mundo, a rede, vainos considerar SPAM. Falar galego é SPAM e os galegofalantes somos spamers.

A esta conclusión digna dunha tese de doutoramento chegan desde Turismo da Coruña despois de propiciar un debate da altura do Big Bang, o ovo e a galiña ou quen somos, onde vimos e onde imos: “Tweets para promocionar el turismo en gallego? !debate abierto!”, e conclusión lapidaria dun usuario da rede: “Para qué? Para que sólo vengan gallegos. Hay que ser más amplio de miras”.

PD: De propina, engadimos unha razón máis que propiciou situación de crise mundial e a elevada débeda dos Estados: “los idiomas minoritarios dan perdidas y gallego y vascuence lo son NO + traducir con mis impuestos”.

Mamandurrias e subvencións en dúas citas e unha fundación

Foto de Aranjuez1404 en Flickr

Vamos a acabar con la cultura de la subvención
José Ignacio Wert, 26/12/2011

Se tienen que terminar los subsidios, las subvenciones y las mamandurrias
Esperanza Aguirre, 23/07/2012

Que a dereita e os liberais radicais adoradores do Deus individuo non soportan as subvencións é algo ben sabido. Cada vez que se tenta “desacreditar” desde os seus voceiros a calquera tipo de colectivo, sexa un sindicado, sexan os falantes dunha lingua ou sexan ata eses desempregados dilapidadores que teñen a cara dura de vivir cos pais cando cobran os 400 euros de subsidio, o manual do bo dereitista acode ao marco conceptual da subvención, aceptado como un mal como se todo ser subvencionado fose merecedor de escarnio público.

E nesas estamos, en 2012. Coa subvención como un mal. O mal que fai que a Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales xuntase en 2012 8.527 euros diarios só con tres subvencións concedidas por diferentes ministerios (BOE núm. 282 do 23 de novembro, BOE núm. 254 do 21 de outubro e BOE núm. 191 de 10 de agosto de 2011, un total de 3.112.469,55 €).

É a mesma FAES que nos seus panfletos propón o adelgazamento das Administracións públicas como se unha administración puidese levar a cabo unha das dietas milagre da alcachofa ou do cogombro fervido. A mesma que describe as fontes dos seus recursos, sen medo a porse vermella, do seguinte xeito:

FAES recibe fondos públicos a través de las convocatorias que realizan los Ministerios de Cultura y de Asuntos Exteriores, a las cuales concurre y que se distribuyen con arreglo a criterios objetivos fijados por la Administración. En idénticas condiciones opta a subvenciones de otras Administraciones Públicas.

52O millóns de pesetas anuais e, segudo algúns cálculos, arredor de 4.000.millóns de pesetas desde 2003 para dicirnos que hai que adelgazar as administracións. Para que chegue Wert, o autor dun deses panfletos da FAES, e que nos diga que “Vamos a acabar con la cultura de la subvención”.

Van acabar coas subvencións, si. Coas que menos lles convén.

PD: O da FAES si que é unha mamandurria

O señor Muñíz e as fusións municipais

Fonte: Galicia Dixital

José naceu alá polo 1883 nunha pequena aldea do interior. De neno era rebuldeiro, intelixente, moi bo lector e querido polos seus veciños. Tanto que, cando marchou á emigración, moitos o acharon de menos.

Foi como moitos e regresou, como poucos: con cartos. Talvez trouxo de Cuba un deses traxes feitos a medida e un sombreiro de palla. Un indiano máis, pensarían, co coche novo, casa a toda tralla e acento cubano. Mais viña coa maleta cargada de progreso.

Don José veu coa idea de mellorar a súa aldea, o seu Vilar natal. Foi deses emigrantes con fortuna que fixeron fortuna e que a dedicaron ao progreso dos seus conveciños: para os nenos pagou do seu peto unha serie de colexios gratuítos (arredor de 12) e agrupou os pais en cooperativas agrarias. Daquela non existían as Sicav, nin paraísos fiscais nin Fundacións desas e algúns riachóns gastaban o que tiñan en tolemias como a educación para os pobres. Igualiño que agora.

Mais se Don José pasou á historia foi polo seu apelido, Muñiz, e por un reto: a creación dun concello propio para as seis parroquias que formaban o val de Negueira. Xuntou aos veciños de Ríodeporto, Negueira, Hernes, Ouviaño, Barcela e Marentes nunca causa xusta: acabar co illamento que vivían. O señor Muñíz, como o coñecían os veciños, xa puxera tamén do seu diñeiro boa parte do custo dunha estrada, a primeira, que unía Negueira coa Fonsagrada. As infraestruturas no rural eran por aquela unha quimera.

A Fonsagrada é hoxe o concello máis grande do país. Máis o foi ata o 22 de xullo de 1928, cando nace o Concello Constitucional de Negueira. Desde a capital de ambos os concellos, hai unha distancia de case 30 km, e, desde o punto máis afastado, unha persoa ten que percorrer 65 km e entrar en Asturias para desprazarse. A distancia da Coruña a Compostela.

Un rural avellentado, unhas infraestrutras inexistentes, uns servizos públicos mínimos: esa continúa a ser a realidade do país. Unha realidade que levou ao señor Negueira a pedir algo xusto. Con todo, dubido en que a obra do señor Negueira chegue aos 100 anos. Calquera día imponse a golpe de decreto a anexión de ambos os concellos. Aí está o exemplo da fusión express fantasma de Cesuras-Oza dos Ríos, con que os galegos imos aforrar unha barbaridade. Ou iso é o que nos din.

Hoxe, Don José Antonio Muñíz Álvarez sería considerado un tolo: fundar un concello! secesionarse dun! Hai que ser austeros, home! O progreso está na unión! Pero un habitante de Negueira terá que desprazarse 60 km para amañar un papel ou ver un pleno, ou o persoal da axuda do fogar terá que facer o mesmo traxecto para atender o seu traballo.

Talvez na fusión dos concellos do que se trata é diso: que non vaias ti a amañar o papel e pagues para que alguén o amañe por ti. Ou de que a axuda do fogar se deixe de dar a todo o mundo que o precise por falta de dispoñibilidade. Para que a biblioteca quede onde cristo perdeu as alpargatas ou nin aí.

O tempo dirá, como o tempo esquece. Hoxe ninguén se lembra de José Antonio Muñiz, nin no concello que lle puxo o seu apelido un ano despois de fundarse. Nin placa, nin monolito nin monumento o lembra alí. Cousas do franquismo: confiscados os seus bens e negocios, pasou anos en prisión e unha vez fóra, refixo a súa vida como un cidadán calquera en Lugo. Estívolle ben: a quen se lle ocorre dedicar o a súa fortuna ao progreso?

O deporte non se politiza e outras demagoxias

Fonte: Wikipedia

Para La Voz de Galicia, David Cal conseguiu a súa prata en Londres grazas á “calma institucional (que) facilitou o logro histórico da quinta medalla“. Segundo a nova, asinada baixo o pseudónimo de Redacción, durante a época bipartita o deportista galego tivo que superar “constantes choques” cuxo detonante foi “cando perdeu a condición de deportista de alto nivel”. En cambio, nos últimos anos, a “calma institucional” permitiulle “adestrarse nas mellores condicións posibles”. Grazas a iso, hai quinta medalla.

Postos a facermos demagoxia, que disto todos sabemos, podemos facer a relación dos logros conseguidos do mellor deportista galego por etapas. Segundo a Wikipedia, no período 2005-2009, David Cal gañou 1 mundial, dous subcampionatos mundiais, dous bronces en europeos, un bronce mundial e dúas medallas olímpicas. Na época Feijóo, o palista cangués sumou escasamente un subcampionato mundial, un bronce europeo e unha medalla olímpica. Vese que a Pax Feijoniana non lle senta nada ben a David Cal.

Mais seguíndomos coa demagoxia e axudándonos nunha simple busca no propio xornal cos termos “David Cal subvención Xunta” atopamos cales foron eses múltiplos choques. David Cal ficou fóra dos depostistas de élite porque, como afirmou o propio adestrador, ninguén o solicitou. Non o sabían. Non presentaron a solicitude porque “descoñecían que había que solicitalas”. Como fixeron o resto. Pero ollo, o adestrador declara: “Desconozco por qué existe este desprecio hacia David”. Iso non é demagoxia, claro.

Continuándomos coa demagóxicos (?), non houbo ningunha outra protesta ademais da de Cal. O resto de deportistas de élite presentaron en tempo e forma a súa solicitude e tivérona. Como todo fillo de veciño, claro, agás David Cal.

E, para rematarmos coa nosa demagoxia, Cal foi o deportista máis subvencionado entre 2005 e 2008, ao recibir 106.000 euros do total de 700.000 destinados aos deportistas de élite. Ademais, a Deputación de Pontevedra patrocinouno, a través do Padroado de Turismo das Rías Baixas con 360.000 euros durante esa etapa. Se facemos demagoxia pura e acreditamos na caza de bruxas ao palista cangues pola súa ideoloxía, podemos engadir que esa xugosa subvención da Deputación pode ter relación coa súa afiliación política.

Con todo, nós non somos xornalistas. Simplemente espectadores demagóxicos deses que dicimos que o deporte é tamén política.

A redución parlamentaria en 5 puntos e 28 cifras

Imaxe: Iván Méndez López con licenza CC

1. A Xunta de Galicia gasta en asesores 5.305.823,29, segundo os orzamentos para o 2012. O gasto neste persoal eventual está desagregado segundo as partidas segintes:

  • PRESINDENCIA:
  • SECRETARÍA XERAL DA PRESIDENCIA: 785.233,99
    SECRETARÍA XERAL DE MEDIOS: 524.298,35
    SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE: 63.313,45
    SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN: 144.171,17
    SECRETARIA XERAL PARA O DEPORTE: 119.530,04
    SECRETARÍA XERAL DE MODERNIZACIÓN E INNOVACIÓN TECNOLÓXICA: 93.616,75
    TOTAL: 1.730.163,75

  • CONSELLARÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
  • SECRETARÍA XERAL TÉCNICA: 368.830,97
    DELEGACIÓNS TERRITORIAIS: 315.990,95
    TOTAL: 684.821,92

  • CONSELLERÍA DE FACENDA
  • SECRETARÍA XERAL TECNICA E DO PATRIMONIO: 272.936,38

  • CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
  • SECRETARÍA XERAL TECNICA: 478.774,96

  • CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
  • SECRETARÍA XERAL TECNICA: 257.813,10

  • CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
  • FOMENTO DA LINGUA GALEGA: 87.585,09
    DIRECCIÓN E SERVIZOS XERAIS DE EDUCACIÓN: 273.735,96
    TOTAL: 361.321,05

  • CONSELLERÍA DE SANIDADE
  • DIRECCIÓN E SERVIZOS XERAIS DE SANIDADE: 240.621,31

  • CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
  • DIRECCIÓN E SERVIZOS XERAIS DE CULTURA: 333.215,53

  • CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
  • DIRECCIÓN E SERVIZOS XERAIS DE PROMOCIÓN SOCIAL: 395.654,80

  • CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
  • DIRECCIÓN E SERVIZOS XERAIS DO MEDIO RURAL: 314.910,16

  • CONSELLERÍA DO MAR
  • DIRECCIÓN E SERVIZOS XERAIS DE POLÍTICAS PESQUEIRAS: 235.590,33

2. O aforro proposto en 14 deputados suporía arredor de 1.200.000 euros, segundo publicou Praza.com.

3. Esa cantidade de 1.200.000 supón a redución do 22,61 nas correspondentes partidas orzamentarias, quer nos soldos, quer no número de asesores. Lembremos que un asesor non é elixido democraticamente, senón a dedo e a valia profesional deles non se demostra en ningún momento do proceso, habendo casos de asesores só co bacharelato ou realizando a carreira. E lembremos que non sabemos a cantidade exacta de persoas elixidas a dedo que mantemos como persoal de confianza e eventual.

4. A redución que quere impoñer Feijoo representa o 0,012 % dos orzamentos da Xunta de Galicia, que para 2012 foron de 9.858.500.000 euros.

5. O Partido Popular goberna na actualidade con maioría absoluta co 46,7 % dos votos, aínda que os 789.427 sufraxios se corresponden co 34,15 % do electorado ou o 28,82 da poboación galega, 2.738.591 habitantes en 2009.

AP-9 en 10 cifras

License Some rights reserved by Contando Estrelas en Flickr

1. O tramo A Coruña – Compostela circulan 22.513 condutores ao día, 8.217.245 por ano de 365 días. Cada día recadaba 123,821,5 euros e 45.194.847,5 por ano

2. Coa suba do pasado 27 de xullo pasará a recadar 132.826,7 euros diarios (+9.005) e 48.481.745,5 euros (+3.286.898)

3. O treito Pontevedra – Vigo recada diariamente 123.505 euros, 45.079.325 anuais, debido aos 36.325 vehículos que circulan como media ao día.

4. Os datos anteriores son un prezo estimado á baixa, calculándose a partir da tarifa para vehículos lixeiros. Esta tarifa vese aumentada a 10,45 ou 12,90 segundo se trate de vehículos pesados do Tipo 1 ou do Tipo 2 no treito A Coruña – Compostela e 5,50 ou 7,35 respectivamente no treito Pontevedra – Vigo.

5. En setembro, os anteriores prezos mínimos serán de 6,10 e 3,50 respectivamente.

6. A viaxe entre A Coruña e Vigo é de 14,35, 24,40 euros a camións e autobuses de dous eixos e 30,95 de cuatro eixos ou máis.

7. Audasa obtivo un beneficio depois de impostos en 2011 de 52,5 millóns de euros, o que supón máis que eliminar calquera das dúas peaxes anteriores.

8. A cifra de negocio de Audasa foi de 144,9 millóns de euros en 2011. Isto significa que o 36,23 % dos seus ingresos son beneficios, isto é, 1 de cada 3 euros aproximadamente.

9.En dous anos, Audasa gañou 120 millóns, mais recortou o seu plantel nun 4,2%. Para Audasa traballan na actualidade 256 persoas.

10. A concesión da AP-9 a Audasa remata no 2048, grazas á Xunta do Partido Popular.

Conclusión: votante do PP, agradécelle ao teu partido esta estafa.