Situación excepcional

Pasaremos a ter oito consellerías e pasaremos a ser a comunidade autónoma histórica con menos consellerías

Alberto Núñez Feijoo. 03/01/2012

A rede galaica ferve: Alberto I o Austero presenta o novo goberno da Xunta. Reduce a Xunta a oito consellarías, fusiona Cultura e Educación e déixaas nas mans de Jesús Vázquez, o plurilingüe, e tamén une Mar e Medio Rural. Nos tempos da austeridade, cómpre presumirmos de que somos o que menos temos. Así o subliñan, cos correspondentes cabezallos ou entradiñas, medios como La Voz de Galicia, El Correo Gallego ou Faro de Vigo. En cuestión de consellarías, tamén viviamos por enriba das nosas posibilidades.

Os cambios son “obrigados por unha situación excepcional”: os e as conselleiras marchan a triunfar en Madrid. Deixan a periferia para seren o centro. “A cultura galega está ben pero limita“, e traballar para o goberno periférico aínda máis. Nada comparado cunha secretaría ou dirección xeral con vistas ao Paseo da Castellana. Onde vai parar!

Mais a situación excepcional é outra: hoxe coñecemos as persoas que se viron obrigadas ao desemprego no mes de decembro: 4818 máis, 4818 persoas coa súa historia, coas súas inseguranzas e incertezas neste 2012 que comeza. 4818 persoas que son “o mellor dato dun mes de decembro desta lexislatura”.

Lembren esa frase: o mellor dato dun mes de decembro. Dá igual que en Galiza suba case o triplo do total de España. Dá igual que sexamos a número 16 de 17 comunidades. É o mellor dato dun mes de decembro. “Mantense a contención do paro”.

E lembren tamén a terminoloxía asociada a estes datos: “o número”, “a taxa”, “a porcentaxe”, “a contención do número”, “os sectores”, “termos relativos”, “termos absolutos”. As persoas non contan, só os números. O drama é estatístico, nunca social.

A nova abría es edicións dixitais dos xornais e das radios do país. Agora ficou relegada por esa “situación excepcional” que mencionaba Feijóo. A propia rede tamén caeu na trampa. Elixiría Feijóo a hora e o día para anunciar o seu novo goberno ou cadrou así?

Digamos o que queiramos mais hai unha cousa ben certa: Feijoo domina os tempos e a comunicación como ninguén.