Unha chea de prexuízos (e moito máis) por dez reás

Captura da noticia

A noticia saltaba onte: O Sergas obrigaba un paciente a adiar unhas probas por solicitar a documentación en galego. Ou sexa, que iso de “el gallego, bien, pero o lo tomas o lo dejas” como obxectivo estratéxico da normalización lingüística da Sanidade. Esa é unha forma de entender a noticia.

A “neutra”, en cambio, é a de arriba, a de La Voz de Galicia, esa que converte o obxecto, un doente que ve como lle negan os seus dereitos, en suxeito que se nega a operarse por “una menudez”. A vítima en verdugo, en definitiva. Unha boa oportunidade para tratar o asunto espiñento do “gallego” e focalizar sobre un doente individual unha nova que debería estar focalizada sobre os dereitos da colectividade. Se non se levou a cabo a operación, foi por mor do doente. Punto. A outra cousa.

Mais a outra cousa é deixar a nova aberta para os comentaristas, que sempre hai quen ten que dicir algo e máis cando lle deixan o titular en bandexa. Reparemos neles: unha chea de prexuízos (e moito máis) por dez reás, polo prezo do café ou da porcentaxe correspondente á conexión ADSL.

Hainos que pensan, como Raúl da Coruña ou Hércules Coruñés, que o paciente só é un “tocapelotas” con moito tempo libre que “debe estar en paro”, como se estar en paro fose a día de hoxe un “mal”:

De donde no hay no se puede sacar… que ganas de tocar la moral a la gente. El susodicho seguro que está en el paro y como no tiene otra cosa que hacer toca las pelotas.

Xa estamos tocando un pouco as pelotas uns e outros

Da mesma corda é Mar Rey de Santiago, que engade que o paciente estaba defendendo “mamonadas”:

Se ve que en la operación no se jugaba mucho, que tenia tiempo para mamonadas como estas, o que estaba aburrido

Outros comentaristas, moitos, dubidan de que o doente fose iso, doente:

Eso era que nin estaba moi enfermo nin lle doia,que senon ben que lle habia valer, como se llo deran en chinés.Cantas gilipolleces hai que aguantar.

BFP da Coruña:

A ese entroulle o canguelo e como xa estaba ás portas, enganchóuse na primeira silveira que atopou!!!!!! Por deus, ou iso, ou a operación non urxía moito!!!!!

En cambio, Carlos Fernández ve no doente alguén importante, un funcionario ou algo así, tonto, pero funcionario ou militante dun partido con ansia de medrar:

Este tipo que denuncia eso, me apuesto a que….tiene trabajo, con un buen sueldo ( seguramente funcionario, o político, o militante de algún partido en el que le interese medrar… ) y no se iba a operar. Ya que si no se dan ninguna de las anteriores, este tío es tonto, pero tonto, tonto, tonto…

A idea-forza de que o doente é tonto ou poñer en dúbida a súa intelixencia está presente nos nosos comentaristas, como Zedd de Vigo, que nun arrebato de tolerancia cualifícao de “cortito”:

pues por cortito deberian volverlo a poner en lista de espera otros x meses

OUTRO, papanatas

¿Vai tamen exigir, que queno opere fale en galego ? . A que extremo de papanatismo chegamos.

Manuelo, idiota como mínimo

Hay que ser idiota (como mínimo) para tener una actitud como esa.
“La estulticia humana es infinita”…desde luego.

Un paso mais alá están os que ven no doente un intolerante e, por extensión, un radical en diferentes formatos. É unha opinión que tamén comparten varios comentaristas. O primeiro, Jesús Peón da Coruña que se apunta ao carro co que eu cualifico como “perismo”, dicir que non se está en contra de algo “peeeero”:

Paréceme ben que se defenda a lingua, pero pódese facer doutro xeito e, sobre todo, sendo tolerante. A intolerancia non axuda a mellorar as cousas, so as volve contra un mesmo.

Cansino de Vigo vai ao gran:

hay que ser radical para jugar con la salud,

Tamén Paulino Magalláns de Ferrol:

viva la inteligencia
Otro testigo de Jehova disfrazado de gallego

Ou Miguel Álvarez, no seu comentario titulado Talibanadas, un clásico. Mario de Vigo, fai un pinchacarneiro semántico para sacar unha reductio at hitlerum en toda regra:

Nacionalistas pateticos toca morales, duplicar el gasto publico para nada, acusan a los demas de fachas cuando ellos son los primeros en actuar como unos fascistas……… Patetico

Nótese aquí o marco de “austeridade e gasto público” como se houbese que construír dous edificios totalmente equipados para separar os que teñan escritos en galego dos que teñan escritos en castelán. Bo intento, mais fáltalle un chisquiño para ser un argumento fetén…

Hainos que até desexan a complicación do paciente (a morte dolorosa e longa, non, madia leva) por tonto/tonto en bilingüismo/bilingüismo:

HAY QUE SER TONTO – HAI QUE SER TONTO
estoy completamente de acordo con MANUELO: Hay que ser tonto e idiota para hacer eso. Puedes poner una reclamación pero no te vas a casa y no te operas TONTO. Ojalá tuvieras una complicación por idiota.

En definitiva, o redactor da noticia, anónima neste caso, e o xornal por ampliación, conseguen o que procuran: avivar un debate onde non o ten que haber. Ou hai alguén en contra do bilingüismo? Das dúas linguas, mesmos dereitos? Non era iso?

Aquí non pasa nada

Hoxe lembreime de dúas imaxes. Busqueinas polo computador e alí estaban. As dúas están tiradas de manuais de comportamentos de dúas empresas diferentes. Algo así como a nova educación cívica mais interpretada para o ámbito empresarial. Iso que nalgúns sitios lle “recomendan” ao seu persoal sobre o que debe facer para ser un bo traballador, para manter, en definitiva, o posto de traballo.

Mais neste caso, o que en moitos lugares son conversas persoais e cuxas palabras leva o vento, a constancia fica por escrito. Dúas empresas diferentes, o Pazo de Vilaboa e o Hotel Louxo da illa da Toxa, mais a mesma orde de obrigado cumprimento: non fale en galego, que cómpre aparentar finura engado eu.

As imaxes son vellas. Con todo, son descoñecidas fóra do ámbito prolingueiro ou filogalego. Non abriron portadas de xornais; os opinadores máis aguzados, eses palafreneiros e mesmo cabaleiros andantes a loitaren, sempre que for preciso, contra as inxustizas e a prol da liberdade, non lles dedicaron un dos seus artigos de opinión; non apareceron nos telexornais nin en ningún boletín informativo das radios. É como se non existisen.

Mentres, en Galiza vivíase en liberdade, en bilingüismo harmónico, na época Fraga, a que Feijóo volveu co novo bilingüismo cordial. Repetido, unha e outra vez, non deixa de ser mentira, mais crea unha nova realidade: en Galiza non había conflito lingüístico até hai catro anos. Tal é así que o propio secretario xeral, técnico de normalización de profesión, volveu repetir a máxima:

“Un conflito había, porque a ruptura do consenso prodúcese co decreto do bipartito”.

Como antes fixera o seu antecesor:

“cómpre cerrar canto antes un conflito lingüístico que nunca existiu a este nivel de debate”.

Algúns dirán que o ámbito empresarial é ben libre para facer e desfacer ao seu antollo. Ben o sabemos. Mais non poden despedir unha persoa por ser negra: iso sería racismo. Non poden despedir unha muller por ser muller: iso sería machismo. Non poden obrigar a un negro ser branco, nin a unha muller ser home. Para evitaren o problema, non os contratan. Mais poden obrigar a un galegofalante a falar en castelán e mesmo, para evitar o problema, non o contratan.

E aquí non pasa nada.

Primavera

8.30 da mañá. David camiñaba cara ao choio polo mesmo lugar, á mesma hora. Alí estaba John, sen falta, como todas as mañás: sentado nos chanzos da entrada a un edificio cun pucho aos pés en que había esparexidas unhas poucas moedas. Á dereita do pucho, un vello cartaz de cartón rezaba: “Son cego. Por favor, unha axuda”.

David achegouse. Buscou no peto mais non atopou ningunha moeda. “Hoxe non che levo nada, meu. Mais déixasme escribirche algo no cartel?” díxolle, e colleu un rotulador que levaba na maleta do ordenador.

“Aquela o que queiras, meu”, respondeu John.

David marcou uns trazos fortes no reverso do vello cartón e deixouno onde estaba. “Ten bo día”, despediuse.

Ás 17.30 camiño de casa, David achegouse xunto John: “Que meu, como foi?”.

“Mira o pucho, ou! Tiven que baleiralo, meu, e xa está a rebordar! Que foi o que escribiches?”

“Nada que non sexa verdade”, dixo David e seguiu os seus pasos camiño da casa deixando ás costas a John, o pucho e o cartel: “Hoxe é primavera e non podo vela”

 

Este relato, reelaborado a partir dun que aparece na obra Historias que hacen el bien, de Daniel Colombo, serve para ilustrar o poder que teñen as palabras e as historias.

John era cego. Como consecuencia, non podía ver a primavera, nin o solpor nunha praia, nin as cerdeiras a florearen. Iso sobreenténdese da cualidade de ser cego: non se pode ver nada. Nin a face das persoas que amas. Nin os fillos. Nin este artigo. Nada. Mais con dicir que un é cego non abonda para evocar na cabeza dos máis todo o que un perde con selo. Cumpría, pois, explicitar.

Disque David era publicista. Sabía, por tanto, que a realidade non é abondo: faille falta mercadotecnia.

John non podía ver a primavera, e nós desexamos ver mil primaveras máis. Talvez tamén nos cumpra mercadotecnia.

 

 

 

 

Conxelando a lingua

Conxelación é unha palabra como copagamento, imos erradicala: nin copagamento, nin conxelación: extrema moderación. (…) Estabilizar… gusta vostede da palabra estabilizar? Pois eu dígoa, pois iso di moitas cousas: conxelar é unha palabra fría e estabilizar é unha palabra máis acomodaticia para os salarios para o 2012.
Arturo Fernández. Directivo da CEOE (30/11/2011)

Eis a lingua. Usámola todos e todas. Algúns desprézana. Poucos, os máis listos, tentan reformulala. Quen o conseguir, dominará non só o debate, dominará as nosas ideas e as nosas mentes.

O dominio da lingua é unha guerra que a dereita comezou hai moitos anos. E abofé que a están a gañar. Falamos hoxe de copagamento sen decatármonos que a Sanidade está exclusivamente pagada polos traballadores e polas traballadoras. Falamos de reaxuste das contas públicas cando na realidade é un recorte. Falamos de flexibilidade laboral cando o que se procura é o despido gratuíto. Non diga recesión, empregue taxa negativa de crecemento económico ou desaceleración. E mesmo non fale de divorcio ou separación, tan vulgares eles, fale de cese temporal da convivencia matrimonial.

Arturo Fernández caeu nunha trampa: falar coas cancelas abertas da táctica. E iso é o que procurarei facer neste blog: abrir cancelas. Estades todos e todas convidados.