Conxelando a lingua

Conxelación é unha palabra como copagamento, imos erradicala: nin copagamento, nin conxelación: extrema moderación. (…) Estabilizar… gusta vostede da palabra estabilizar? Pois eu dígoa, pois iso di moitas cousas: conxelar é unha palabra fría e estabilizar é unha palabra máis acomodaticia para os salarios para o 2012.
Arturo Fernández. Directivo da CEOE (30/11/2011)

Eis a lingua. Usámola todos e todas. Algúns desprézana. Poucos, os máis listos, tentan reformulala. Quen o conseguir, dominará non só o debate, dominará as nosas ideas e as nosas mentes.

O dominio da lingua é unha guerra que a dereita comezou hai moitos anos. E abofé que a están a gañar. Falamos hoxe de copagamento sen decatármonos que a Sanidade está exclusivamente pagada polos traballadores e polas traballadoras. Falamos de reaxuste das contas públicas cando na realidade é un recorte. Falamos de flexibilidade laboral cando o que se procura é o despido gratuíto. Non diga recesión, empregue taxa negativa de crecemento económico ou desaceleración. E mesmo non fale de divorcio ou separación, tan vulgares eles, fale de cese temporal da convivencia matrimonial.

Arturo Fernández caeu nunha trampa: falar coas cancelas abertas da táctica. E iso é o que procurarei facer neste blog: abrir cancelas. Estades todos e todas convidados.