Neorrealidade

O emprego sistemático de novas palabras pode ser considerado banal. Ou polo menos é así como queren que o xulguemos: “o importante non é a terminoloxía”, dicía Ana Pastor. Mais a reiteración acaba por crear a súa propia realidade, unha realidade distinta, unha neorrealidade. E non só iso: adaptámonos á nova realidade e a nosa resposta perante ela é tamén diferente.

Hai anos era frecuente (e aínda hoxe!) acharmos nos medios escritos frases como “crime pasional” cuxo significado nos remitía ao ámbito privado e illado: un home mata unha muller. A frase descontextualizaba un problema social e ligábao ao amor, aos celos e á vida en parella. Por fortuna, a sociedade converteu a violencia de xénero nun problema central para combater, nunha lacra que nos implica a todos e a todas. De aí que hoxe falemos de “violencia de xénero” e “asasinatos machistas”, dúas denominacións que nos implican a todos e a todas e que remiten a algo máis que un problema de parella: o patriarcado e a tradicional dominación machista.

Mais a lingua tamén se deforma para modificar a peor a nosa percepción da realidade. A guerra contra o terror foi unha desas frases que escoitamos, lemos e repetimos centos de veces desde o atentado contra as Torres Xemelgas. A súa elección non foi casual: Iraq e Afganistán son dous países afastados da xeografía mental do cidadán medio norteamericano, e Sadam e mais Osama Ben Landen foran aliados dos Estados Unidos. En cambio, o terror, cuxa mostra foran os atentados terreo americano, estaba presente. Todos queremos un mundo, un país, unhas rúas sen medo, sen terror. Todos defendemos aquelas persoas que actúan contra o terror. Deste xeito, a guerra contra o terror é xusta porque defende unha causa nobre: non repetirmos as imaxes de edificios a caeren, non repetirmos os centos de persoas mortas.

A resposta de quen oe, le e repite a expresión, por tanto, é diferente: non é o mesmo unha guerra contra Ben Laden que unha guerra contra o terror. É posíbel que o acto sexa o mesmo, mais co seu uso, coa súa extensión e coa aceptación a nosa resposta é diferente. Nun caso poderemos debatela; noutro quen pode estar en contra de atacar o medo, o terror, de erradicalo das nosas rúas? Como defendermos a nosa oposición?

Anxo Lorenzo e Núñez Feijoo procuraron sempre crear na sociedade galega esa resposta. Europa é plurilingüe: quen sabe galego sabe máis foi unha campaña que lanzaron diferentes organizacións antes da chegada dos populares a San Caetáno e non é casual que a imposición do novo decreto leve tal denominación. Nese mesmo decreto, os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística perderon polo camiño unha palabra e no país os Servizos de Normalización Lingüísticos xa non reciben subvención con este nome.

Lector ou lectora que chegaches até aquí: fagamos un exercicio, sen trampas. Non busques nun dicionario en liña (que non hai), nin na Wikipedia (que non aparece) nin en Google. Pensa 5 segundos e defíneme dinamización, a secas, sen acompañamento. Aí terás a resposta a este artigo.

Proximamente

Quero anunciarlle que estamos elaborando unha nova convocatoria que se publicará ao longo das próximas semanas e que manterá as mesmas bases (…).
A gardo a súa comprensión con esta medida excepcional, e non desexada por este departamento, e espero a súa participación na nova convocatoria que proximamente publicaremos no DOG.
Anxo M. Lorenzo Suárez. 09/09/2011

Hoxe non foi. Tal vez apareza mañá. Quen sabe se para o venres ou se para a semana que vén ou a seguinte. Pode ser que se publique en febreiro; como máis tardar, ficará para marzo. Saír sairá e agardamos que axiña. Trátase da convocatoria de concesión de subvencións ás entidades locais de Galiza para a (normalización) promoción do uso do galego nos anos 2011 e 2012.

Segundo as últimas informacións de que dispoñen algúns, a saída será inminente. E nesa “inminencia” inclúense as últimas dúas semanas de 2011 e esta primeira de 2012. No camiño, pecharon 15 servizos (de normalización) lingüísticos segundo datos do Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. Algún máis estaba a agardar pola convocatoria e posibelmente tamén pechase as súas portas. 15 servizos, moitos deles con máis de 3 anos de duración.

A convocatoria no Diario Oficial de Galicia virá acompañada da correspondente nota de prensa da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O contido dela é predicíbel: loaranse as tarefas destes servizos (de normalización) lingüísticos, cualificaranse como “esenciais” no “proceso de (normalización) de promoción social da lingua” e citarase a medida non sei cantos do Plan xeral de normalización da lingua galega. E mentres, 15 servizos seguirán pechados.

E canto a isto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística comentará, indignada, que non pecha servizos (de normalización) lingüísticos, senón que reforza a (normalización) a dinamización do galego no ámbito local. Algo que se lle supón. Neve branca, sangue vermello, mar azul, e a SXPL fomenta a (normalización) promoción social. Novo epíteto para incluír nas listaxes de adxectivos que a rapazada estuda nos libros de bacharelato. Con todo, neste 2012 haberá 15 servizos menos no país.

Por agora os concellos non recibiron ningunha carta que os convidaba a pechar este servizo. Si recibiron unha outra da Dirección Xeral de Administración Local para lle lembrar que están aí, atentos, para os denunciar. Norberto Uzal asinou a carta,  exfalanxista (tolemias de xuventude, disque) que hoxe preside a Rede de Dinamización Lingüística.

Tamén recibiron unha outra que cito ao comezo do artigo, esta asinada por Anxo Lorenzo. Vai para catro meses desa carta que anunciaba a convocatoria próxima das subvencións. Catro meses non son nada nunha vida. Con todo, mentres pasaban, 15 servizos de normalización pecharon.