Erlenmeyer

“Como pos erlenmeyer? E matraz que? E unha máis sinxela: turbidez? Enrasar? Buffff”

Ao outro lado do GTalk anda Ro, un deses números que aparece cada comezo de mes nunha taxa de non sei que grupo de idade nas Enquisas de Poboación Activa. Iso de xeración JASP que servía para anunciar un coche nos noventa quédalle moi curto: dúas carreiras, técnicas, realizadas ao mesmo tempo, cursos de todo tipo, experiencia universitaria foránea, idiomas… Nova si, mais sobradamente preparada. Ela di que o normal, sen destacar, como todos.

Desde 2008 en que acabou as carreiras, para o que precisou pedir a simultaneidade, traballou en postos técnicos acordes coa súa formación e tamén en postos da merda, como ela di. Agora, vai para máis dun mes en que acabou o seu último contrato. Asinara por seis meses e non houbo para un día máis. No país en que é caro despedir, non chupou un contrato de máis de un ano, administracións públicas incluídas. “E que vai pasar con nós?” pregúntase moitas veces.

Na vida vaille así: preocupacións, moitas. Por desgraza, tivo de acompañar a nai ao médico con frecuencia, ao que hai que falarlle en castelán. “O que se fixo sempre, o que me ensinaron” dille a nai. Cando van á cidade, pasa o mesmo nas tendas, e Ro non pode aguantar darlle de cando en vez co cóbado en sinal de reprobación. Na casa, por tanto, considérana a radical. Ela non o ve así: ás veces cala, moitas aguanta, e nalgunhas non pode. Seica á curmá lle impoñen o galego nun cole en Compostela. Como dirían Sanginés e Suay, é unha falante queimada.

Non é das militantes, nin das que vai detrás das pancartas, nin das que le ou merca todo o que hai. É máis, recoñece que non o fai. Mais ela ve as cousas sinxelas: “falar galego é normal, non?” Con todo, na conversa polo chat confésase: “non me atrevín a facer un exame na carreira en galego”. A razón é a suma de varios factores: alí non o empregaba ningún profesor, “sabía que me daría problemas”, mais, sobre todo, dúbidas, moitas dúbidas: unha falante inicial e monolingüe social en galego, coa primaria e o bacharelato cursados integramente no país, ten dúbidas, moitas dúbidas. E non só ela. Moitos e moitas.

Ela andou por Barcelona a estudar un par de anos. Alí o conto era outro. Un día descubrinlle o Termcat e comezou a comprender cousas. “E aquí, non hai iso?”. “Si, muller, témosche o Termigal”, respondinlle. Comparamos as páxinas, e tamén comprendeu moitas outras.

Houbo unha época, cando viviamos por enriba das nosas posibilidades, en que reformularmos o Termigal, en que crearmos un servizo de terminoloxía serio, era unha prioridade con orzamentos propios na Xunta. Ficou na gabeta. En Galiza faise terminoloxía: hai profesionais, dos mellores, hai iniciativas, interesantes e hai traballo, moito. Mais nunca foi unha prioridade para quen tiña que consideralo. E segue sen sela: talvez é máis importante financiar xornais e centros de estudos cuns resultados pésimos. Unha lingua que até hai 35 anos estaba fóra do mundo técnico, científico e universitario, cómprelle moito traballo, moitísimo. Explícolle sabendo que teño un público receptivo. “Puxécheste no papel de técnico total, eh. Quedarías a gusto”, dime.

O speech non serve para o que debería: afianzar a seguranza dunha persoa, consciente, loitadora e comprometida co seu uso lingüístico. Ao contrario. Un erro por parte de quen o comunica. Mais triste realidade: temos xa máis de unha xeración de persoas que tiveron ensino de galego e en galego, mais teñen moitísimas inseguranzas. Mesmo os espontáneos e iniciais tamén, e estes cada vez son menos. Con todo, disque o ensino non é prioritario.

Do mesmo xeito, cómpre analizar se o que temos serviu para algo. Hoxe que está de moda cuestionar onde se gastan os cartos, cumpriría ollar se os millóns de euros que levaron algúns por desprezaren a lingua tiveron resultado. Seica nos concellos se inxectaron cartos a esgalla mais o crecemento espectacular do uso e defensa do galego nos xornais merecen iso e máis! E cómpre tamén repasar se facer a edición facsímile de tal publicación periódica é unha prioridade.

E por que non, fagamos preguntas: canto estudante universitario, falante, activo ou non, coñece a existencia de algo que se chama Termigal e que debería servirlle como ferramenta para facer do seu compromiso algo máis doado?

Ro descoñecíao até onte mesmo.